“Fíxose un gran traballo partindo de cero e agora xa estamos modelando talento real, o que nos concede un oco propio no sector”
David Villar Alonso dirixe a Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta de Galicia desde a súa estrea en 2021. Coordinador e máximo responsable do día a día do programa de formación e mentorización das startups que aspiran a ser protagonistas no futuro do sector turístico galego, repasa a actualidade da iniciativa no ecuador da Pre-Academia 2022.
– Como está sendo o arranque da segunda edición despois de bater récords de inscricións?
Arrancamos con moita ilusión. O obxectivo era estar á altura do ano pasado en canto a número de solicitudes e propostas pensando en melloralo. Obter tanta participación foi fenomenal e mellorar as cifras da anterior edición fala ben ás claras do bo traballo feito.
– Hai tanto e tan bo talento innovador e tecnolóxico en Galicia como parece?
Si. as cifras falan por si mesmas. Galicia está chea de talento e de emprendedores e empresarios conscientes da importancia da innovación que teñen ganas de incorporar estas novas tecnoloxías ao sector do Turismo.
– É dos que pensa que o sector turístico ten un potencial ilimitado para acoller solucións e propostas ano tras ano?
Totalmente. Tan ilimitado como persoas existen que queiran crear, innovar e aportar novas propostas…
– Nesta edición implementouse una nova categoría: Turismo de litoral. É unha parte fundamental do turismo feito en Galicia?
Si, hai moitísimos recursos por explorar, potenciar e promocionar na nosa costa. Ademais, é unha categoría estratéxica pola que se aposta desde a Xunta de Galicia a través da Consellería de Turismo e nós non podiamos deixar de aportar o noso grao de area…
– Pode haber novas categorías en futuras edicións?
É posible. Aínda hai moito por descubrir e potenciar.
– Detecta diferencias con respecto ao ano pasado a estas alturas?
Aínda é cedo, pero ter modificado e mellorado o calendario do programa, permitirá ás startups chegar mellor preparadas ao final desta fase de Preacademia.
– Estamos ante un momento álxido de solucións ou nos vindeiros anos seguirá a progresión exponencial?
A Aceleradora seguirá medrando porque o talento innovador en Galicia non ten límites…
– Que é o máis difícil á hora de valorar proxectos nestes primeiros estadíos?
Entender a idea, o seu modelo de negocio e a súa proposta de valor. Nalgúns casos é sinxelo, pero na maioría, hai moito traballo que desenvolver…
– Cales son as primeiras necesidades básicas dunha startup que pretende irrumpir no ecosistema sectorial?
Coñecer e definir a súa propia idea é fundamental para establecer o seu modelo de negocio, a súa competencia, o seu core e o seu mercado.
– Falemos dos mentores. Este ano hai potentes incorporacións que melloran o equipo consolidado na primeira edición…
Si. O ano pasado xa foi impresionante o soporte que recibiron os promotores, pero é certo que consideramos interesante poder completalo con máis apoio doutros grandes profesionais e iso estamos a facer.
– O respaldo do tecido empresarial galego tamén é un valor diferencial para a Aceleradora, non si?
O apoio empresarial é vital para o crecemento e desenvolvemento de novos proxectos, startups e dos propios emprendedores, pero á súa vez, estes promotores e as súas ideas son o “aire fresco” que nos fai falta no ecosistema e que axudará a mellorar a nosa competitividade no sector e a do noso tecido empresarial.
– Como valora a aposta da Xunta de Galicia pola captación e retención de talento emprendedor?
De éxito absoluto desde o minuto 1, e ademais, convencido que non só se vai manter no tempo senón que cada vez será máis potente e con máis recursos.
– A visibilidade da Aceleradora segue a medrar de maneira constante. Dentro tamén o notan con respecto a hai agora 12 meses. En que cambiou?
Agora somos máis e mellores que hai un ano. Queremos medrar e seguir mellorando por todas as vías posibles. Fíxose un gran traballo partindo de cero e agora xa estamos modelando talento real, o que nos concede un oco propio no sector.
– Esta iniciativa chegou para quedar? Ten visión a longo prazo?
Confío en que así sexa, aínda que estamos centrados no traballo diario e en que esta edición sexa outro éxito como a primeira.
Los comentarios están cerrados.