Jorge Martínez Sabio, CEO de Suites Nature, considérase un emprendedor nato e agradece moito a iniciativa da Xunta polo gran valor que xera esta aposta polo talento galego
Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2022. Suites Nature, a iniciativa máis destacada da primeira edición da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta, xa está na fase de redacción do plan de execución do primeiro resort de cabanas sustentables en plena ruta Xacobea en Pontevedra para o verán de 2022. O seu CEO, Jorge Martínez Sabio, destaca as sinerxias e colaboracións que xurdiron cos compañeiros desta primeira edición.
Cales son as aprendizaxes que destacaría tras o seu paso pola Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta de Galicia?
No noso caso o máis destacado do programa de aceleración do Goberno galego son os coñecementos en materia de turismo que puidemos extraer tanto dos profesores como dos mentores ou dos compañeiros. Suites Nature está composto por un equipo multidisciplinar de áreas como a construción, a arquitectura, a tecnoloxía ou a sustentabilidade…pero case non tiñamos experiencia en turismo. Estes coñecementos adquiridos nesta área consolidaron o noso proxecto como empresa, posto que contribuíron a que puxésemos o foco do noso modelo de negocio nos viaxeiros e nas súas necesidades.
Que consellos lle daría a emprendedores que aspiran a participar en programas de aceleración?
O primeiro é dicirlles a todos aqueles afortunados que teñan a oportunidade de ser escollidos que aproveiten a experiencia, posto que son meses moi intensos pero nos que van a aprender moito da man de profesores e mentores cunha ampla experiencia no sector turístico. E, en segundo lugar, lles invitaría a construír sinerxias co resto de participantes -nós temos plans para colaborar cos compañeiros desta primeira edición-, posto que toda a aprendizaxe que aportan é tamén moi destacable.
Cal é o momento no que decide lanzarse a emprender?
Eu empecei a emprender de neno e antes de ir a Universidade, con 18 anos, xa era autónomo, polo que se pode dicir que son un emprendedor nato, que leva toda a súa vida con diferentes proxectos e ideas. No caso de Suites Nature, deseñar cabanas sustentables con tecnoloxía é unha idea que tiña gardada desde hai uns anos no caixón e que rexurdiu coa pandemia e coa ampliación oficial do Xacobeo ata o ano 2022. Deste xeito, en 2021 comecei a traballar nesta iniciativa co obxectivo de ter un proxecto real ligado a algunha das rutas Xacobeas no verán do 2022.
Podería dicirse que na actualidade o emprendemento está en auxe, que características definen a un emprendedor, baixo a súa experiencia e perspectiva?
As persoas que se propoñen esta opción teñen que ter moi claro que se trata dun proxecto a medio ou longo prazo e que é unha maratón continua. Segundo a miña experiencia, é necesario que o emprendedor sexa unha persoa con ideas claras e que saiba pivotar sobre numerosas circunstancias. Do mesmo xeito, estou convencido de que os emprendedores teñen que ter paixón polas súas ideas porque, ao final, van ter que pensar no seu proxecto 24 horas todos os días do ano. E, sen dúbida, é moi importante que estean ao día de todas as novidades e se formen a diario, pois a esixencia é constante. Emprender é unha carreira sen meta.
Cales considera que son os principais obstáculos que se atopan os emprendedores cando deciden dar o paso?
Non me gusta denominalos obstáculos senón que eu falaría de diferentes situacións e circunstancias que che obrigan a tomar decisións e a reorientar a túa proposta. Cando hai algún problema o que hai que facer é buscar a mellor solución e tirar para adiante. Ser emprendedor implica ser proactivo e non pode haber nada que te poida paralizar.
De que forma a Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta lle axudou, no seu caso, a sortear “estas circunstancias”?
Cando xorde unha circunstancia que non tiñas prevista, formar parte dunha iniciativa como a Aceleradora permítete ter acceso a numerosos expertos do sector para poder consultar e tomar a mellor decisión tras valorar as diferentes alternativas que existen. No noso caso foi realmente moi importante porque o equipo desta iniciativa do Goberno galego enriqueceu moito os nosos puntos de vista para tomar decisións.
Los comentarios están cerrados.