Xosé Ramón Nóvoa, o promotor de Ruta NVI, explica como viviu o proceso de aceleración para a consolidación definitiva da súa startup
Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2022. O equipo de Ruta Nacional VI, a segunda iniciativa máis destacada da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta, continúa traballando para a súa presentación oficial en primavera. O seu fundador detalla, en primeira persoa, a súa experiencia como emprendedor.
Cal é o balance destes meses na Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta de Galicia?
No meu caso supuxo unha oportunidade única para converter unha idea nunha iniciativa turística. Ao longo das xornadas prácticas puidemos poñer un pouco máis de nós mesmos e nese contexto creouse un marco de interacción con profesores e compañeiros moi interesante. Sen dúbida, estar en contacto con profesionais de distintos eidos achegoume unha gran diversidade de perspectivas.
Onde se debe poñer o foco cando se participa nun programa como o da Aceleradora?
O meu consello principal é participar sen ningunha idea preconcibida e co ánimo suficiente para pensar que todo é posible. O caso da nosa iniciativa -Ruta NVI- é diferente a outros, quizais escapa da concepción clásica de startup, pero eu penso que calquera tipo de proxecto ten oportunidades. Os emprendedores teñen que estar preparados para asimilar unha nova perspectiva de negocio e abrir as súas mentes para poder focalizar a mellor versión do produto que queren desenvolver.
En que momento xorde a idea de fundar Ruta Nacional VI?
A idea de facer unha ruta pola ruta Nacional VI xurdiu hai catro anos aproximadamente, polo que cando convocaron a primeira edición da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta non dubidei en presentarme. Agora teño que dicir que gracias a esta iniciativa do Goberno galego convertemos unha idea nun verdadeiro caso de emprendemento.
Cales son as claves que definen a un emprendedor?
Baixo a miña perspectiva, é preciso ser perseverante, hai que ter certa visión e tratar de establecer sinerxias entre o coñecemento, os contactos e a propia experiencia para poder acadar o éxito. Tamén considero que é importante ser unha persoa aberta ás relacións sociais, independentemente da necesidade de ter coñecementos técnicos.
E cales son os aspectos máis complicados á hora de dar o paso?
Depende moito da dimensión do teu proxecto, aínda que o habitual é ter problemas de recursos posto que, na maioría dos casos, é moi complicado comunicar con exactitude o que queres construír e cales son as necesidades da túa iniciativa.
Asemade, tamén é preciso xuntar un equipo de profesionais adecuado, aínda que isto é algo que sempre acabas por resolver.
De que forma supuxo un impulso a Aceleradora para a súa iniciativa?
No meu caso a Aceleradora axudoume a ampliar a miña visión de negocio e contribuíu a consolidar o noso proxecto a través de todos os contactos establecidos. Ao mesmo tempo, a formación foi chave para marcarme novas metas e implicarme por completo no meu proxecto.
Los comentarios están cerrados.