Andrés Rodríguez Canabal, o fundador de LuXperience, agarda un gran crecemento para o 2022 e destaca o labor de impulso realizado polo equipo do proxecto da Xunta
Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2022. LuXperience, a terceira iniciativa máis destacada do programa de aceleración, xa está comercializando experiencias en realidade mixta para o sector turístico e está avaliando novas oportunidades noutros eidos gracias ao seu paso polo programa da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta.
Cal é o balance destes meses no programa da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta?
LuXperience converteuse nunha empresa que xa está no mercado gracias á formación e a todos os contactos que fixemos a través da Aceleradora. Da man do equipo de mentores, profesores e da dirección deste proxecto do Goberno galego centramos os nosos obxectivos, analizamos o mercado e conseguimos constituírnos.
Especialmente, para min, foron moi útiles as sesións con empresas e o programa cos mentores porque a través deles conseguimos entender o funcionamento do mercado e ampliar a nosa visión de negocio.
Que lle recomendaría a emprendedores que estivesen interesados en participar en programas de aceleración?
En primeiro lugar, é moi importante que sexan conscientes de que calquera idea de emprendemento precisa moito traballo e que van ter que dedicarlle moito tempo. En segundo lugar, diríalles que deixen de lado as ideas que teñan fixadas para abrirse a todas as posibilidades que se lle van presentar a través dun programa de aceleración. Ser abertos de mente é a chave para poder aprender e avanzar.
No seu caso, cal é o momento no que decide emprender?
Eu son un emprendedor por natureza, de feito con tan só 19 anos fundei a miña primeira empresa. Creo firmemente en que a sociedade necesita persoas que aposten polo emprendemento e lideren novos proxectos, por iso sempre estou buscando ideas innovadoras que poidan aportar algo novo. Concretamente a idea de LuXperience comezou hai tres anos.
E dada a súa experiencia, cales considera que son as características que definen a unha persoa emprendedora?
Na miña opinión o esencial para emprender é ser curioso, observador e ter ganas de aprender. Ao longo das nosas vidas pasamos por moitos procesos ou formacións, e se tes capacidade de observación e consegues afondar máis en cada experiencia, atoparás unha idea.
Por outra banda, tamén é importante ter contactos e ser unha persoa aberta para coñecer xente e presentar o teu proxecto.
Nun primeiro momento, onde atopan máis dificultades os emprendedores?
O principal obstáculo é social porque non hai información suficiente sobre como formar unha empresa e non sabes cales son os pasos que tes que dar nun primeiro momento. No meu caso estudei Administración de Empresas e teño certos coñecementos de contabilidade ou de xestión, pero as persoas que non, atópanse con dificultades para orientar o seu proxecto.
E neste contexto, como axuda a Aceleradora aos emprendedores a arrancar o seu proxecto?
Baixo a miña experiencia, a Aceleradora axuda moitísimo aos emprendedores participantes, posto que desde o primeiro momento axúdannos a desprendernos do medo ao fracaso e a entender que todo implica aprendizaxe e que incluso un fracaso é un éxito. A min, persoalmente, axudoume moito a tomar conciencia de todo o que tiña aprendido ata o de agora e a non menosprezar as miñas ideas.
Por outra banda, na Aceleradora dan pé a afondar noutros puntos de vista e iso abre a túa mente para poder proxectar a túa iniciativa desde distintos prismas. E, finalmente, a chave da Aceleradora é que che brinda o apoio exacto que necesitas para emprender, por iso nesta edición se creou un ecosistema tan interesante entre os dez proxectos participantes.
Los comentarios están cerrados.