Suites Nature, Ruta NVI e LuXperience son as tres iniciativas recoñecidas polo xurado do programa como mellores exemplos de innovación
As distincións entregáronse nun evento co que se pechou a primeira edición do programa de formación e mentorización das 10 startups en aceleración
Santiago de Compostela, 30 decembro de 2021. O acto de clausura da primeira edición da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta supuxo a posta en escena de todo o talento que evolucionou durante os últimos meses no marco deste pioneiro programa. Co obxectivo de fortalecer o turismo nun período determinante para Galicia -o Xacobeo 2021·2022- e de apostar pola captación e a retención de talento na comunidade, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo impulsou este programa de aceleración, que concluíu co recoñecemento de tres startups e unha mención especial outorgadas ás iniciativas con base na dixitalización e na sustentabilidade.
Os nomes dos tres proxectos que para o xurado teñen maior potencialidade de proxección descubríronse durante a gala final de clausura. Nesta primeira edición, as tres iniciativas recoñecidas foron Suites Nature -coa súa innovadora proposta para a construción de cabanas sustentables-, Ruta NVI -a empresa que ofrece unha experiencia de ‘slow travel’ entre Madrid e A Coruña- e LuXperience -a ferramenta dixital que reinventa as visitas turísticas a través do uso de tecnoloxía de vangarda-. Nesta ocasión tamén se concedeu unha mención especial para a startup Capptus por ser a proposta que maior grao de evolución experimentou ao longo do programa formativo.
Agradecementos ao equipo do programa
Suites Nature foi a startup máis destacada polo xurado gracias á súa gran aposta pola sustentabilidade, a tecnoloxía e a economía circular. Como explicou o CEO da iniciativa, Jorge Martínez Sabio, “a principios de ano só tiñamos unha idea, e agora temos un proxecto real”, posto que xa traballan na construción dun resort turístico en Pontevedra e están estudando novos proxectos para desenvolver en Galicia, España, Colombia e Costa Rica.
Ante os máximos responsables da Xunta, o xurado, os mentores, os profesores e as empresas e organismos que apoian esta iniciativa, Jorge Martínez agradeceu ao Goberno galego que promovese a Aceleradora e destacou a labor e implicación de todo o equipo. “Sen a súa axuda e os seus consellos non poderíamos ter chegado a este punto para converter a Galicia nun referente do turismo do futuro”. No seu discurso de agradecemento, o principal responsable de Suites Nature tamén subliñou que el é a “cara visible dun proxecto cun gran equipo detrás que apostou por este reto”.
Pola súa banda, Xosé Ramón Nóvoa, en representación do equipo de Ruta Nacional VI, agradeceu o recoñecemento á súa startup desde a que promove un “road trip”. “Esta era a primeira pedra, moi necesaria para poder desenvolver esta innovadora iniciativa turística coa que imos tentar dar unha nova oportunidade aos lugares máis despoboados de Galicia e do noroeste de España”, sinalou.
A terceira iniciativa recoñecida polo xurado da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta foi LuXperience, que propón experiencias de realidade mixta -virtual e presencial- para os turistas. Andrés Rodríguez Canabal, o seu promotor, destacou na súa intervención “o traballo que hai detrás de todo o proceso de aceleración”.
Por último, María Soliño foi a responsable de agradecer a mención que recibiu Capptus, a iniciativa que naceu co obxectivo de facilitar e reforzar a relación profesional entre guías turísticos, axencias de viaxe e turistas a través dunha canle dixital. “Todo o equipo merece este premio polo esforzo, xa que Capptus medrou gracias á oportunidade desta Aceleradora e a todas as persoas que hai detrás”, recalcou.
Dez casos de éxito preparados para competir nos mercados
O proxecto posto en marcha en marzo pola Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia conseguiu transformar o talento innovador de dez iniciativas especializadas no sector turístico en solucións para mellorar e fortalecer un sector clave. Na actualidade, tras sete meses de formación da man dun equipo multidisciplinar de expertos, as 10 startups finalistas xa están preparadas para saír aos mercados e converterse en casos de éxito e aportar un valor diferencial.
Los comentarios están cerrados.