Mónica Salinero, unha das fundadoras de Capptus, agradece moito o labor de todo o equipo do proxecto da Xunta e subliña que o importante é “ter ganas de aprender e capacidade de traballo”
Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2022. A iniciativa recoñecida polo xurado da Aceleradora por ser a que presentou unha maior evolución ao longo do programa busca novas funcionalidades para nun prazo dun ano estar a pleno rendemento. Conversamos con Mónica Salinero, cofundadora de Capptus.
Que é o que máis destacaría do seu paso pola Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta?
Sen ningunha dúbida todo o coñecemento que adquirimos, xa que para nós a Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta foi como un máster de negocios de dous anos comprimido en sete meses. Ademais, poder participar con outros nove proxectos e ver a súa evolución supuxo unha gran oportunidade para a nosa iniciativa por todos os consellos compartidos durante este tempo.
Que lle recomendaría a persoas que queiran emprender e participar nun programa de aceleración?
O primeiro, que se mentalicen de todo o que implica emprender e que aproveiten cada segundo no programa de Aceleración. Eu animo aos emprendedores que teñan unha idea a participar porque a experiencia é estupenda e a satisfacción de facelo é moi superior a todos os esforzos que implica. Sen dúbida, vale a pena porque é apaixonante ver como evoluciona o teu proxecto.
No seu caso, en que momento decidiron a súa socia e vostede emprender?
Cando María e eu nos coñecemos estabamos estudando e xa sabiamos o que era traballar por conta allea. Neste momento, ambas tiñamos moi claro que queriamos desenvolver un proxecto propio. Tras os primeiros meses de pandemia detectamos que non existía ningunha ferramenta para axudar aos guías turísticos coa xestión de grupos, polo que decidimos crear unha aplicación que desenvolvemos ao longo da nosa etapa como estudantes. Posteriormente, presentamos o proxecto a varios concursos provinciais e autonómicos e fomos conscientes de que era unha proposta que gustaba moito, así que apostamos pola Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta e da súa man pasamos de ter un proxecto no aire a un de verdade.

Na actualidade hai cada vez máis persoas que se lanzan a emprender, que características considera necesarias nunha persoa para dar este paso?
O feito de emprender supón moitas horas de traballo, polo que necesitas ser unha persoa con ganas de aprender e con moita capacidade de esforzo. O importante para min é ter ganas, ánimos, capacidade de traballo e unha mente moi aberta para aprender.
E cales son os principais obstáculos que se atopan os emprendedores nun primeiro momento?
En moitos casos falta información, é dicir, cando queres levar a cabo un proxecto o primeiro é buscala información, facer un estudio de mercado e comprobar si é viable ou non… Por exemplo, nós cando comezamos tiñamos que pescudar cantos guías turísticos hai en España.
De que forma a Aceleradora supuxo un impulso?
O feito de contar con profesionais que nos acompañaban no día a día, xa non só os profesores e mentores senón tamén a dirección do programa, foi esencial no noso caso. Gracias a todos eles puidemos liquidar todos os problemas dunha forma moito máis sinxela. Temos moi claro que foron pezas chave na evolución do proxecto de Capptus.
Los comentarios están cerrados.