As tres startups máis destacadas da primeira edición do programa do Goberno galego bateron o seu propio récord de networking no marco do maior encontro internacional do sector dentro do stand de Galicia
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2022. O equipo da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta de Galicia e as tres startups máis destacadas da primeira edición mantiveron preto de 200 reunións e entrevistas con diferentes axentes e profesionais do sector turístico en Fitur 2022. Cada un destes encontros representou un amplo número de oportunidades de expansión de negocio para os emprendedores que, ao longo deste ano, aceleraron as súas iniciativas dentro da iniciativa do Goberno galego.
A dirección da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta acompañou ás startup distinguidas na primeira edición na súa actividade profesional nesta cita internacional do sector turístico. Suites Nature, Ruta Nacional VI e LuxPerience mantiveron ata 142 reunións con diferentes axentes do sector, o que lles permitiu amosar o potencial innovador dos seus proxectos e establecer contactos para ampliar e expandir os seus negocios. A estes rexistros hai que engadir o labor desenvolvido pola Dirección da Aceleradora e polas demais startups do programa autonómico que tamén estiveron presencialmente no Ifema.
Tras tres intensas xornadas de traballo e networking no stand de Galicia o balance para a Aceleradora é moi positivo. Como explica David Villar, director do programa, “ademais de asistir aos proxectos seleccionados na primeira edición, tivemos a oportunidade de estreitar vínculos con empresas colaboradoras e asentar posibles proxectos de cooperación con destacadas compañías e profesionais do sector de cara a futuras edicións da iniciativa autonómica”.
Fitur pechaba a súa 42 edición, a primeira presencial tras a pandemia, con máis de 110.000 visitantes -80.000 profesionais- e máis de 33.000 persoas usuarias conectadas a través da plataforma FiturLIVEconnect. Nesta edición participaron 7.000 empresas expositoras de 107 países. No marco desta feira internacional destacou, un ano máis, o stand de Galicia, que se erixiu como un dos referentes e atractivos de FITUR.
Los comentarios están cerrados.