- O xurado da Aceleradora galega de Turismo destaca o potencial dos proxectos seleccionados e pon en valor a progresión dos cinco que non acadaron o pase de fase. “A competencia é moi alta e todos teñen moito mérito pola evolución acadada”
- O venres 11 de xuño arrancará a Academia de formación e mentoring, que finalizará o 27 de novembro co Demo Day definitivo desta primeira edición
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2021.- Turislab xa conta cos dez finalistas da súa primeira edición. O xurado da Aceleradora galega de Turismo tivo a oportunidade de evaluar nun intenso Demo Day clasificatorio aos 15 participantes que hai un mes comezaron a súa formación na Pre-Academia. Os integrantes deste equipo de selección puntuaron a calidade das presentacións, a potencialidade dos proxectos e someteron ás startups participantes a preguntas sobre a súa viabilidade nos mercados. Da suma das puntuacións do xurado saíron os 10 finalistas de 2021:
Campus Spain, E-Bike Tours Galicia, Capptus, RoomDoo, Nómada, Nacional VI, Bed and Go, Lux Experiencie, 43º 8´e SH 360.
Segundo esta selección, quedaron eliminados: CoutoMixTour, App Baixo Miño, Ruteart, Ubre e Sollu.
A dirección de Turislab, conxuntamente co xurado responsable desta selección, quere destacar o potencial dos proxectos escollidos para acceder á formación completa do programa de aceleración e pon en valor a progresión obtida por aqueles que finalmente non puideron superar o corte. David Villar, o director da aceleradora, destaca que “a competencia é moi alta e todos os proxectos cos que contamos teñen moito un mérito pola evolución acadada neste primeiro mes. Somos optimistas de cara ao final da fase da Academia, onde ese talento co que estamos a traballar poderá ser mentorizado e acelerado para poder saír con garantías aos mercados e converterse en casos de éxito”.
A actividade en Turislab non se detén e este mesmo venres, día 11 de xuño, dará comezo a fase central do programa, que finalizará o próximo 27 de novembro co Demo Day definitivo desta primeira edición. O formato xa é coñecido polos participantes e baséase nunha exposición inicial, apoiada polos recursos materiais e/ou audiovisuais que consideren oportunos e unha rolda de preguntas técnicas do xurado para calibrar o grao de maduración da idea e as necesidades reais que demanda o proxecto para a súa comercialización e escalabilidade.
Por último, quedará un Investors Day, a celebrar o 10 de decembro, que suporá o colofón final á edición 2021 de Turislab, a primeira aceleradora especializada en Turismo de Galicia.
Los comentarios están cerrados.