Suites Nature, Ruta Nacional VI, LuXperience e Capptus son as startups máis valoradas das 10 que pasaron pola Aceleradora e que hoxe finalizan o seu camiño preparadas para saír ao mercado
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu o acto de clausura desta iniciativa estratéxica do Goberno galego que impulsou a xeración de 36 empleos
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2021. Suites Nature, Nacional VI, LuXperience e Capptus son as catro startups mellor valoradas polo comité avaliador da primeira Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta de Galicia. As catro propostas recibiron estes recoñecementos nun evento celebrado esta mañá, que estivo presidido polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.
O proxecto máis valorado foi Suites Nature, que promove cabanas sostibles conectadas e xa está a traballar na construción do seu primeiro resort turístico sostible na provincia de Pontevedra; seguido de Ruta N-VI, iniciativa inspirada pola mítica Ruta 66 americana para revitalizar a nacional que une Madrid coa Coruña cun modelo de viaxe slow travel; e de LuXperience, que se centra en crear experiencias de realidade mixta para reforzar o valor do patrimonio cultural de diferentes espazos turísticos.
Ademais, o xurado de expertos da Aceleradora distinguiu tamén ao proxecto que experimentou unha maior evolución ao longo do programa: Capptus Apps Turísticas, unha aplicación orixinada para que os guías turísticos poidan xeolocalizar aos seus grupos e comunicarse internamente. Con esta ferramenta, os guías turísticos e viaxeiros poderán manter un contacto máis seguro, máis directo e desde unha canle dixital.
Alfonso Rueda foi o encargado de entregar o galardón a Suites Nature, mentres que Ruta N-VI recibiu o seu recoñecemento da man do director da Agrupación industrial de Turismo de Galicia, Cesáreo González; e David Villar e o xerente de Turismo de Galicia, Emilio da Iglesia, entregaron os galardóns a LuXperience e Capptus, respectivamente.
O vicepresidente primeiro da Xunta destacou a potencialidade deste proxecto pioneiro para consolidar un sector turístico innovador e competitivo que coa súa saída ao mercado das novas empresas ofrecerán solucións personalizadas ás demandas dos viaxeiros postpandemia. Lembrou que a Acelereadora de proxectos turísticos naceu nun momento de crise para o sector turístico debido ao impacto da pandemia do coronavirus e coincidindo co ecuador do Xacobeo 21-22, que está chamado a converterse no motor da recuperación do turismo e da economía galega. Neste caso, permitirá que os proxectos acelerados sexan unha realidade tanxible que permita reforzar o ecosistema do sector en pleno 2022.
Ademais, explicou que a Aceleradora pretende ser unha rede de recursos innovadores e de alto impacto especializada no turismo sostible e de calidade. Nesta liña, engadiu que encaixa co Plan Director 2021-2023 Galicia Destino seguro da Xunta co sector e as tres universidades galegas para deseñar o modelo futuro do turismo galego e no que a sustentabilidade e a calidade son os seus piares xunto coa seguridade.
De feito, o reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro foi o que permitiu liderar nos últimos meses a recuperación da actividade turística en España, situándose 25 puntos por encima da media nacional.
Para o vicepresidente primeiro da Xunta, as ideas xurdidas nesta primeira edición de Turislab son froito do talento que hai en Galicia e unha oportunidade de contar cos emprendedores e emprendedoras galegas que a Xunta pretende reter para contribuír a que o sector turístico galego sexa máis innovador e competitivo. Por iso, incidiu na importancia da colaboración pública-privada en iniciativas como esta aceleradora, que sentará as bases para apoiar o talento e o emprendemento no ámbito turístico.
Peche da Aceleradora
A xornada de hoxe supuxo o final da primeira edición do programa de formación e mentorización dos 10 proxectos innovadores en aceleración para reforzar o sector turístico galego. Os proxectos que pasaron pola Aceleradora impulsaron a creación dun total de 36 empregos e captaron un total de 36 partners para as súas empresas.
Neste acto de clausura, os dez emprendedores e emprendedoras participantes tiveron a oportunidade de explicar os puntos fortes da súa iniciativa e de expoñer as súas ideas evolucionadas tras o proceso de aceleración. Todos os proxectos, presentados individualmente a través dun vídeo, están xa preparados para achegar un valor diferencial ao sector turístico galego no período extraordinario do Xacobeo 21-22.
A primeira edición da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta de Galicia contribuíu ao desenvolvemento de dez iniciativas innovadoras e con perspectiva de futuro. Os dez finalistas diferenciáronse entre as 83 persoas emprendedoras rexistradas formalmente neste programa, tras superar todos os cortes e roldas eliminatorias.
Los comentarios están cerrados.