A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na última gran cita de Pre-Academia antes do Demo Day eliminatorio, onde se decidirán as 10 propostas que acceden á fase final do programa de aceleración
Na xornada déronse cita 26 destacas firmas do sector TIC, do sector turístico e da enogastronomía apoiando así a iniciativa do Goberno galego
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022.- A Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta de Galicia celebrou hoxe unha intensa xornada de networking entre as 15 startups participantes nesta 2ª edición e representantes das 26 empresas tractoras que participan activamente nesta iniciativa estratéxica do Goberno galego pertencentes a distintas áreas e sectores, agrupándose principalmente en empresas TIC, turísticas e da enogastronomía, así como fondos de investimento.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de inaugurar este encontro no que os promotores e promotoras presentaron ante o tecido empresarial e de investimento o contido e obxectivos dos distintos proxectos.
Despois desta rolda inicial, houbo tempo para os encontros directos entre startups e empresas, no que, máis polo miúdo, puideron explicar os seus modelos de negocio e as previsións unha vez remate o proceso de aceleración no que están inmersos.
Escolla de 10 proxectos a acelerar
Esta xornada é a última gran cita da fase de Pre-Academia. O próximo venres 6 de maio celebrarase o esperado Demo Day eliminatorio, onde as startups terán que presentar a maduración dos seus proxectos tras un intenso mes de formación multidisciplinar ante un xurado conformado por expertos de distintas áreas e representantes institucionais.
O resultado do veredicto dese comité avaliador determinará que 10 proxectos acceden á fase da Academia, o núcleo formativo central da Aceleradora.
Los comentarios están cerrados.