O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe a parcela no concello de Pontevedra na que situará o resort con cabanas turísticas de Suites Nature, a startup máis valorada na primeira edición da Aceleradora, que sinalou como un referente para o turismo sostible e de calidade
O Goberno galego busca continuar a promover solucións innovadoras coas que captar e reter talento, dar resposta ás necesidades dos viaxeiros postpandemia e avanzar cara un turismo máis competitivo
Alfonso Rueda lembrou que a iniciativa encaixa coa aposta por un turismo seguro, de calidade e sostible do Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, que permitiu que a comunidade galega estivese de moda o ano pasado e liderase a recuperación turística en España
Pontevedra, 5 de febreiro de 2022.- O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o proxecto Suites Nature, a startup máis valorada da primeira edición da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta de Galicia, da que destacou que ademais de ser un referente para os emprendedores neste sector supón un exemplo de turismo sostible e de calidade.
Alfonso Rueda aproveitou a visita para anunciar que ante o éxito da experiencia na súa primeira edición, repetirase neste ano para seguir apoiando ao turismo galego no marco do Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, coa previsión de que a finais deste mes se publique a convocatoria da segunda edición. Deste xeito, a Xunta continuará neste 2022 a fomentar a posta en marcha de solucións innovadoras e melloras coas que dar resposta ás necesidades dos turistas pospandemia, ademais de captar e reter talento a través de proxectos viables.
Situado nunha parcela de 11.800 metros no lugar de Lusquiños, en Pontevedra, Suites Nature é unha iniciativa para promover cabanas sostibles ao pé do Camiño Portugués no que será o primeiro resort turístico sustentable na provincia de Pontevedra. Esta visita coincide co inicio do levantamento topográfico para comezar as obras de instalación de 8 cabanas galegas e 8 suites en plena natureza construídas con materiais tradicionais galegos e autóctonos e coa aplicación de novas tecnoloxías para que funcionen de maneira eficiente.
Nesta liña, o vicepresidente primeiro da Xunta destacou a potencialidade deste proxecto pioneiro na consolidación dun sector turístico innovador e competitivo coa saída ao mercado de novas empresas coma esta que ofrezan solucións cun elevado grado de innovación, sustentabilidade e dixitalización.
Grazas aos recursos innovadores e de alto impacto especializados no turismo sostible e de calidade postos a disposición a través da Aceleradora, estase a avanzar nun modelo de futuro do turismo galego, que encaixa co Plan Director 2021-2023 Galicia Destino seguro entre a Xunta co sector e as tres universidades galegas para deseñar o modelo futuro do turismo galego.
De feito, o reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro, de calidade e sostible -os tres piares sobre os que sustenta o plan- foi o que permitiu á comunidade galega liderar a recuperación da actividade turística en España, situándose 22 puntos por riba da media nacional con case 4,2 millóns de viaxeiros e máis de 9 millóns de noites o ano pasado.
Primeira edición da Aceleradora
A primeira edición da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta contribuíu ao desenvolvemento de 10 iniciativas innovadoras e con perspectiva de futuro. Os 10 finalistas diferenciáronse entre as 83 persoas emprendedoras inscritas formalmente neste programa, tras superar todos os cortes e roldas eliminatorias.
Tamén se premiaron ao peche da primeira edición aos proxectos máis valorados polo comité avaliador da Aceleradora, co primeiro posto para Suites Nature; seguido de Ruta N-VI, iniciativa inspirada pola mítica Ruta 66 americana para revitalizar a nacional que une Madrid con A Coruña cun modelo de viaxe slow travel; e de LuXperience, que se centra en crear experiencias de realidade mixta para reforzar o valor do patrimonio cultural de diferentes espazos turísticos. Ademais, distinguiuse ao proxecto que experimentou unha maior evolución ao longo do programa: Capptus Apps Turísticas, unha aplicación orixinada para que os guías turísticos poidan xeolocalizar aos seus grupos e comunicarse internamente.
Los comentarios están cerrados.