A través desta actividade púxose o foco sobre a importancia e influencia do Camiño de Santiago para o ecosistema turístico galego
Os participantes tamén realizaron unha visita guiada polo patrimonio Xacobeo ao longo deste tramo
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2021. As startups participantes e o equipo da segunda edición da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta afrontaron un tramo do Camiño de Santiago. No marco das xornadas sectoriais sobre a importancia do Xacobeo e o seu papel dinamizador económico e social, os emprendedores e emprendedoras viviron a experiencia de peregrinación en primeira persoa ao longo de 9 quilómetros.
Valga foi o punto de partida para este grupo de peregrinos, ao que se sumou Juan Manuel Vidal Seage, alcalde de Pontecesures. O percorrido incluíu varias visitas turísticas, primeiro en Pontecesures, onde visitaron a ponte medieval e o miradoiro. Posteriormente, no Concello de Padrón realizaron unha visita guiada polo patrimonio histórico local. Acompañados por Alberto Rey, técnico de Turismo de Padrón, o equipo da Aceleradora visitou os lugares xacobeos máis emblemáticos desta localidade: o Pedrón, a igrexa de Santiago de Padrón, a fonte do Carmen e Santiaguiño do Monte.
Ao finalizar o percorrido e antes de seguir ata Santiago de Compostela, o responsable da Oficina de Turismo padronesa entregoulles a todas as persoas participantes nesta xornada a ‘Pedronía’, a credencial que certifica a peregrinaxe ata Padrón para coñecer o punto do desembarco do corpo do Apóstolo segundo a antiga tradición xacobea medieval.
Con esta actividade, a Aceleradora autonómica puxo en práctica un dos contidos teóricos esenciais das sesións teóricas: a importancia do Camiño para o ecosistema turístico galego.
Los comentarios están cerrados.