Os poñentes da xornada foron Javier Ruiz de Cortázar (presidente de Asnauga), Andrés Nieto (xefe do departamento de comercialización hoteleira do CSHG) e Paula Mozos (directora de calidade do Grupo Fianteira Turismo), todos eles representantes do ecosistema da Aceleradora
Os finalistas avanzan así no programa formativo afondando na importancia da atención ao cliente de cara á súa saída aos mercados
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2022. Nova xornada de formación para as startups fóra das instalacións centrais da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta de Galicia. Desta volta os finalistas do programa 2022 trasládanse ao Hostal dos Reis Católicos, un icono do sector hoteleiro en Galicia e en España para afondar na importancia da calidade do servizo e da atención ao cliente.
David Villar, director do programa de aceleración autonómico, adianta que “o obxectivo é amosarlle ás startups a relevancia de incorporar estes conceptos ás liñas estratéxicas das empresas ata o punto de facer deles unha parte fundamental do modelo de negocio”.
O programa da xornada divídese en tres partes. Javier Ruiz de Cortázar, o presidente da Asociación de Náuticos de Galicia (ASNAUGA) imparte a ponencia sobre “Q de calidade ICTE. Calidade e Turismo náutico en Galicia”. Andrés Nieto, xefe do departamento de comercialización hoteleira do Centro Superior de Hostelería de Galicia, aborda a “Atención ao cliente. Turismo e economía da información” e Paula Mozos, directora de calidade do Grupo Fianteira Turismo, céntrase na “Implantación de procesos de calidade e sistemas de medición da satisfacción do cliente”. Os tres expertos representan a entidades colaboradoras ou empresas tractoras do ecosistema empresarial da Aceleradora.
Segundo David Villar, “este tipo de accións desde dentro permiten amosar aos promotores unha perspectiva descoñecida ata o de agora pola maioría deles”
A xornada complétase cun percorrido polas instalacións do Hostal dos Reis Católicos, todo un icono infraestructural e de servizo no sector hoteleiro.
Los comentarios están cerrados.