A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou a xornada sobre a influencia do Camiño, acompañada dos alcaldes de Padrón e Cesures e representantes do ecosistema turístico local e autonómico
As startups finalistas afrontan unha intensa fin de semana formativa e experiencial a través dunha das rutas máis empregadas polos peregrinos
Padrón, 28 de outubro de 2022. A Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta segue sumando novas experiencias na recta final do programa de formación e mentorización autonómico. Tal e como ocorrera na edición inaugural, as startups finalistas afondan na importancia e a esencia do Xacobeo, o tema central da xornada sectorial que se celebra hoxe e mañá entre Padrón e Cesures.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de inaugurar o acto xunto ao o alcalde do concello de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage e os anfitrións: o alcalde do concello de Padrón, Antonio Fernández Angueira e a concelleira de Turismo, Lorena Couso.
Os promotores e promotoras da Aceleradora tiveron a oportunidade de preguntar directamente á directora de Turismo de Galicia sobre o Camiño, a súa dimensión e o traballo que está a desenvolver o Goberno galego para situar ao Xacobeo no lugar de referencia que ostenta a nivel nacional e internacional. Os máximos responsables municipais aportaron a visión máis local, xa que son dous municipios, próximos a Santiago de Compostela, que son paso obrigado para miles de peregrinos.
Mesa redonda de emprendemento
A segunda parte do programa previsto centrousa nunha mesa redonda sobre ‘O efecto tractor do Camiño. Experiencias de emprendedores’. Participaron empresarios do sector turístico como Roberto Fraga, CEO de Pilgrim Travel & Services, Pablo Mariño, CEO de Bluscus. Turismo mariñeiro, Rafael Piñeiro empresario hoteleiro en Valga e Pontecesures e Giuseppe Pileri, empresario restaurador afincado en Padrón. Nas súas intervencións, os relatores compartiron as súas experiencias individuais e destacaron a importancia de rendibilizar o patrimonio turístico Xacobeo de cara a impulsar as súas iniciativas empresariais.
Esta xornada sobre o Camiño de Santiago constituíu un espazo para fortalecer as relacións entre os empresarios e emprendedores do sector turístico, fomentando a creación de sinerxias e favorecendo o traballo en equipo.
A pé de camiño
O programa contén ademais unha experiencia de peregrinación. Os participantes e o resto do equipo da segunda edición da Aceleradora autonómica, partirán desde Valga para percorrer un tramo do Camiño ata Santiago de Compostela e realizar unha visita guiada polo patrimonio Xacobeo.
A importancia do Camiño para o turismo galego é unha das claves teóricas da Academia da Aceleradora e durante estas dúas xornadas os emprendedores e emprendedoras teñen a oportunidade de vivilo en primeira persoa.
Los comentarios están cerrados.